Sunday 05 de May de 2024

A Xunta leva a aula gastronómica Galicia Calidade ao CIFP Paseo das Pontes da man do cociñeiro Xoán Crujeiras


Ao redor de 30 alumnos e alumnas do centro coruñés participaron na ‘masterclass’ impartida polo propietario do restaurante ‘Bido’

O xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, destacou que a iniciativa achega as empresas e produtos da marca ao alumnado de ciclos de hostalería e turismo

O cociñeiro e propietario do restaurante Bido da Coruña, Xoán Crujeiras, foi o encargado de desenvolver a Aula Gastronómica Galicia Calidade, impulsada pola Xunta de Galicia, no CIFP Paseo das Pontes, onde propuxo un menú baseado na temporalidade e estacionalidade dos produtos. Durante a clase, animou ao alumado a aproveitar os coñecementos adquiridos ao longo da súas vidas, os sabores tradicionais e as súas experiencias vitais.

O xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, salientou que a iniciativa supón “achegar as empresas e produtos avalados polo selo aos futuros profesionais da gastronomía de Galicia e continuará a súa andaina a partir de setembro cunha proposta consolidada e adaptada ás necesidades docentes de cada centro”.

Durante a masterclass, na que participaron ao redor de 30 alumnos dos primeiros cursos do ciclo medio de cociña e o ciclo superior de dirección de cociña, Xoán Crujeiras elaborou un menú composto por gofre de queixo San Simón da Costa, pisto de sardiña afumada e fresas; pataca en caldeirada con mexillóns, polbo, berberechos, salsa verde de algas, allada e kale frito.

Ademais, preparou patacas como un cocido galego, pescada do Porto do Celeiro con fabas de Lourenzá, ameixas brancas, piparras en escabeche e capón cociñado a baixa temperatura, salsa de olivas negras, cuscús de cereais e mirabeis. Como sobremesa, o cociñeiro de Bido propuxo cañas fritas recheas de vainilla, sorbete de fresas frescas e framboesas aliñado con xel de licor café.

As empresas de Galicia Calidade que participaron nesta edición da Aula Gastronómica foron Terras da Mariña, Gallego Pereira, Escurís Batalla, Coren, Patatas Conde, Conservas A Rosaleira, Daniberto, Confitería Cerviño, Torre de Núñez e Jamones González.

Xoán Crujeiras está á fronte do seu novo proxecto Bido, que conta xa cun Sol Repsol, faceta que compaxina coa de profesor no IES Fraga do Eume, onde trata de inculcar unha cociña baseada na excelencia dos produtos frescos e de calidade coas experiencias de vida dos futuros cociñeiros.

O chef coruñés, que forma parte do Grupo Nove, recoñece que chegou ao mundo da gastronomía por casualidade e non por vocación, pero é aquí onde é capaz de trasladar ao mundo dos fogóns o seu potencial creativo elaborando pratos que en moitos casos devolven aos clientes á súa infancia ou lles recordan a persoas queridas.